MANIFESTO

Pola consolidación dos coidados paliativos en Galicia

 Reunidos na 6ª Xornada de Coidados Paliativos de Galicia, os profesionais asinantes, de Unidades de Coidados Paliativos, Equipos de Soporte de Coidados Paliativos, Unidades de Hospitalización a Domicilio, Atención Primaria e Servizos Hospitalarios,

 Manifestamos:

 Logo de catro anos de aplicación do Plan Galego de Coidados Paliativos, en un contexto xeral de fortes axustes, é necesaria a mobilización dos nosos esforzos non soamente, como ata agora, na axuda dos nosos pacientes e das súas familias, senón  tamén no reforzo  da rede asistencial que o permite.

A sociedade demándanos agora máis produtividade, flexibilidade na organización para nos adaptar ás necesidades dos enfermos e das súas familias, e capacidade para priorizar o máis necesario.

A sociedade valóranos pola nosa competencia, implicación, dispoñibilidade, comunicación…

Manter todo elo esixiu nestes anos toda a vontade dos profesionais, a máxima motivación, que fixo posible un grande avance na cobertura, na formación. Non podemos deixar de recoñecer o esforzo e as enerxías de moitos profesionais que puxeran os seus coñecementos ao servizo dos pacientes. Este é o noso mellor legado e estase a perder por mor da debilidade e a falla de estabilidade da nosa rede integrada de coidados paliativos, que se manifesta nos efectos que teñen as reorganizacións e traslados na calidade e na continuidade dos dispositivos asistenciais.

A imposibilidade de consolidar a situación dos profesionais en prazas de coidados paliativos e a inexistencia da xestión de profesionais por competencias son os principais factores ameazantes nestes momentos.

E por elo, solicitamos:

 O maior apoio das forzas sociais e da administración para consolidar a rede de coidados paliativos, facendo especial fincapé nos profesionais que a forman, tanto médicos como de enfermería, na seguridade de que os nosos pacientes e as súas familias precisan de profesionais motivados, formados e coa posibilidade de manter a continuidade da asistencia.

Vilagarcía de Arousa, 29 de abril de 2011

 

 

Se o queredes descargar: descarga